Wednesday 15 de May de 2024

Os riveirenses poden participar na creación do novo Plan de Igualdade do municipio a través dunha enquisa publicada na web


Os veciños do municipio xa poden participar activamente na elaboración do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do municipio e o poden facer respostando voluntariamente unha enquisa que está publicada na páxina web do Concello (www.riveira.gal).

O PIOM III, impulsado pola Concellería de Servizos Sociais a través do Centro de Información á Muller, pretende ser unha proposta adaptada á realidade de Riveira que sirva de marco de referencia para a execución das políticas de igualdade e tratamento integral da violencia de xénero de aquí ao 2020.

A súa confección resulta un proceso participativo que precisa das achegas, suxestións e opinións de todas as persoas implicadas de cara a realizar tanto unha diagnose como un documento real que sirva de va para a transformación social de Riveira e contribúa de maneira efectiva tanto á mellora da calidade de vida das mulleres e homes do municipio, como a optimizar os recursos existentes.

Obxectivos
Entre os fins específicos do documento perséguese realizar un diagnóstico da realidade actual no ámbito da igualdade e prevención e tratamento integral da violencia de xénero; definir e delimitar os eixes tendo como referencia o PIOM II e a súa avaliación; planificar as actuacións no período de vixencia, elaborar un documento final con toda a información e divulgar entre a poboación este III Plan de Igualde, entre outros.

Por estes motivos, resulta esencial recibir tanto as opinións das traballadores e traballadores das distintas áreas e departamentos municipais, como dos axentes socioeconómicos e de todos os veciños e veciñas de Riveira, os cales poden facelo accedendo e respostando á enquisa neste enlace: http://www.riveira.es/iii-plan-de-igualdade-de-oportunidades-entre-mulleres-e-homes-do-concello-de-riveira/ (ou ben http://senescit.es/estudios/index.php?sid=83915&lang=gl)

O Plan de Igualdade abrangue catro fases: planificación e toma de contacto do Concello, elaboración (diagnose), divulgación e implementación. Para a súa creación estase a contar coa colaboración e asesoraría técnica de Senes Desenvolvemento Comunitario.